viernes, 23 de mayo de 2014

A PRAIA DOS AFOGADOS de DOMINGO VILLAR


2º TRIMESTRE


A PRAIA DOS AFOGADOS de Domingo Villar
 
      A praia dos afogados é unha novela negra escrita por Domingo Villar, publicada pola Editorial Galaxia en 2009. Está protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas e é o segundo libro da serie, despois do seu debut con Ollos de auga.
     O libro está dividido en 85 capítulos. Os títulos destes capítulos están formados por unha única palabra, que se define ao comezo do texto.
    O inspector de policía vigués Leo Caldas recibe unha chamada onde o avisan da aparición na praia de Madorra, en Panxón, dun cadáver, aparentemente afogado. Crese que é un suicidio, e o inspector non lle dá moita importancia, ata que na autopsia se comproba que o xeito en que ten colocada a brida que lle ata as mans apunta a un asasinato.
         Pouco a pouco vaise descubrindo que a súa morte está relacionada co naufraxio do pesqueiro Xurelo, acontecido 12 anos atrás. O barco tripulábano o falecido, Xusto Castelo, O Rubio, xunto con outros dous mariñeiros e mais o patrón. O barco foi a pique preto da illa de Sálvora, unha noite de temporal, e de xeito un pouco estraño. No naufraxio falecera o capitán, mentres que os dous mariñeiros sobreviventes viven aínda en Panxón, pero non manteñen relación entre si e gardan un fondo silencio sobre o sucedido.
        Ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non foi un suicidio: a chalupa do falecido aparece ao outro lado de Monteferro, lonxe do cadáver; o morto ten un golpe na caluga posiblemente feito á mantenta; e mesmo gravacións dunha cámara de seguridade. Malia á reticencia dos mariñeiros locais para falar do acontecido, Leo Caldas tira dun fío que o leva á desaparición dunha muller en Aguiño a mesma noite do afundimento.
       Paralelamente, Leo Caldas segue co seu programa de radio Patrulla nas ondas; tamén ten un papel importante, mesmo na resolución da trama, o seu pai, que está a coidar do seu irmán Alberte, gravemente enfermo no Hospital do Meixoeiro en Cabral, Vigo.

No hay comentarios: